sábado, 21 de diciembre de 2024

O neno can

O novo libro  no club de lectura de 5º é "O neno can" de Fina Casalderrey e Francisco Castro.
O neno can é un libro de relatos nos que quixeron abordar asuntos relacionados cos dereitos da infancia, ou máis ben, coa falta de dereitos básicos que unha parte moi importante dos nenos e nenas do mundo padecen hoxe en día. Así, cóntannos historias deses cativos que teñen que sobrevivir remexendo nos colectores de lixo; a epopea desas nenas obrigadas a casar con homes adultos cando aínda nin deixaron as bonecas; a discriminación de quen é diferente por calquera motivo e así carne de canón social.

A artista Patricia Castelao puxo o punto plástico perfecto para que poidamos gozar dun libro que, ademais de apostar pola xustiza e a liberdade, nos agasalla cunhas historias cheas de vida, a pesar da crueza das realidades que conta, e que van engancharnos dende a primeira liña.

jueves, 19 de diciembre de 2024

"Como escorrentar un lobo"

O novo libro no club de lectura de 6º é unha recomendación que nos fixeron dende a editorial Cuarto de inverno.

Ano 1944. Nunha Polonia ocupada polos nazis, Noncia rescata dúas crianzas xudeas do seu tráxico destino e agóchaas na súa casa. Para as axudar a combater o medo, relátalles unha incrible aventura que viviu na súa infancia, cando percorría os camiños acompañando o tabor xitano ao que pertencía. A historia trasládaos ao corazón do misterioso bosque de Białowieża, onde a familia de Noncia, tras extraviarse no medio dunha treboada, chega á vila secreta de Polana Wilków, o fogar dos Neuri. Alí coñecerá as distintas criaturas fantásticas que se agochan no bosque e aprenderá a mirar o medo cara a cara.

O seu autor, Antonio M. Fraga, xa o coñecemos na biblioteca pois lemos a novela de literatura fantástica "Querido H.P. Lovecraft" e posteriormente tivemos un encontro con el.

Esperemos que este novo libro nos emocione como o outro.