jueves, 25 de abril de 2013

Portada del poemarioFOTO:
 "As que rubimos montañas" é un libro solidario promovido por Implicadas/os no Desenvolvemento que recolle poemas de autoras etíopes (Yemoddish Bekele; Mihret Kebede; Tigist Mitiku; Misrak Tefere; Azeb Yosef; Abebech Diriba) e galegas (María Reimóndez; Antía Otero; Lucía Aldao; Estíbaliz Espinosa; Marga do Val; María Lado; María do Cebreiro).

Para Implicadas/os no Desenvolvemento este libro resume en forma de poesía unha maneira de traballar para cambiar o mundo xa que se levan esforzando  durante máis de dez anos. A súa organización traballa dende a súa fundación en 1998 a prol dun mundo onde a cidadanía do norte en xeral e galega en particular entenda a súa incidencia directa sobre a vida de millóns de persoas que viven na pobreza extrema. En todo este tempo, son moitas as pontes e as vías de acción que levan establecidas, pero se dúas cousas as caracterizan ademais especialmente son o seu compromiso de xénero e o seu afán por implicar a cultura neste proceso como parte fundamental do cambio.
As poetas etíopes e galegas, atopan igualmente abondos estereotipos que superar. Etiopía, no imaxinario occidental, resúmese nunha única palabra: fame. Nada hai debaixo diso para os seus ollos, nin unha cultura milenaria, nin a convivencia relixiosa, nin o orgullo de non ser un pobo colonizado, nin os altibaixos e ditaduras dos séculos XX e XXI. Fame. E con iso resumen a súa (inexistente) relación co país. Nada hai inscrito nesa concepción sobre as mulleres que cada día fan esforzos inmensos por transformar, nun silencio sepulcral creado por todas e todos eles, as súas sociedades e as súas comunidades.
Este poemario pretende achegar a multiplicidade de facianas das mulleres etíopes, coas súas diversas linguas, crenzas, situacións e traballos. Porque as que rubimos montañas cargamos con fardos pesados en todas as sociedades e cómpre esa man tendida nos dous sentidos para poder deixar a carga e respirar o aire fresco dos cumios, todas a unha.
As poetas que fixeron o libro posible participaron de xeito totalmente desinteresado.