jueves, 10 de abril de 2014

Our next book............and in English!!!!!!!!!


A ESMORGA, DE EDUARDO BLANCO AMOR


1. ANTES DE LER:


1.1 QUEN O ESCRIBIU?

A esmorga publicouse por primeira vez en Buenos Aires en 1959, cando España levaba xa dúas décadas de goberno ditatorial dirixido polo xeneral Franco. O seu autor, Eduardo Blanco Amor, que tiña daquela 60 anos, levaba vivindo na capital arxentina a maior parte da súa vida, a onde emigrara con tan só 20 anos.
A pesar do seu afastamento físico da Terra na que nacera, non deixou de participar activamente no movemento nacionalista que se desenvolveu a partir de 1916 arredor das Irmandades da Fala e a Xeración Nós, tempo no que destacou como poeta en lingua galega.Durante o periodo da Guerra Civil (1936-1939) apoiou dende os xornais bonaerenses nos que colaboraba a lexitimidade do bando republicano, o que lle impediu o regreso a Galicia durante os anos máis duros da represión franquista. De feito, aínda que a editorial Galaxia intentou publicar A esmorga aquí, a censura franquista impediuno. O libro traído a Galicia clandestinamente e distribuído entre un público non moi numeroso, acada, no entanto, un importante éxito e sinala un fito na renovación da nosa narrativa de posguerra.

Pouco tempo despois, en 1962, EBA volta definitivamente a Galicia, onde pasa os seus derradeiros anos, que decorren entre a súa cidade natal (Ourense), Santiago e Vigo, onde falece en 1979. As outras dúas obras narrativas en galego máis recoñecidas, Os biosbardos e Xente ao lonxe, publícanse nesta última etapa. 

1.2. QUE TE PODE MOTIVAR PARA LELO? 

A esmorga foi un libro que conseguiu moito éxito de público e crítica. Como mostra podemos sinalar as varias reedicións que tivo o libro, sobre todo cando xa morrera o autor. Axiña se converteu nun clásico da narrativa galega, cuxo contido foi obxecto de reelaboración noutros formatos artísticos: banda deseñada, música, cine... 


No libro-cd editado en Ourense co gallo do 50 aniversario da súa publicación (EBA 5.0. O universo de Eduardo Blanco Amor, 50 anos despois d'A esmorga) podes ler, por exemplo, un cómic que versiona episodios do libro, meterte na pel dos personaxes a través dun xogo de rol ou escoitar varias cancións de grupos galegos baseados no contido da novela. Poderás levar un exemplar do libro-cd que compramos para a biblioteca do centro. 


Entre estes grupos musicais, temos a Guezos, do cal é batería o teu profesor de música en E. primaria. Deles é o tema rock "A esmorga", que podes ouvir no enlace:Guezos



Tamén podes visionar o inicio do filme de Gonzalo Suárez Parranda, de 1977 cuxa versión en galego podedes atopar en: 






 

Recoméndoche que vexas só ata o minuto 10'30'', posto que a película é unha adaptación moi libre da novela, que te pode confundir se a ves antes de lela. O inicio do filme tampouco recolle fielmente o que lerás nel, pero pode servirche para entender mellor o punto de partida argumental da trama. Fíxate se a ambientación e a linguaxe dese fragmento da película se adapta ou non ao libro. 

Por último, debes saber que se está rodando en Ourense e no sur de Lugo unha nova versión cinematográfica d'A esmorga que veremos en breve. A rodaxe rematou o 30 de marzo deste ano e podes escoitar o que din algúns actores participantes no novo filme nun acto de presentación: 



1.3. QUE É CONVENIENTE QUE SAIBAS PARA ENTENDERES E GOZARES DO LIBRO? 

-O primeiro que quizais che chame a atención é a linguaxe utilizada polo protagonista, que non se adapta en absoluto ao galego normativo que estás a aprender nas aulas. O texto inclúe moitos vulgarismos, castelanismos e algún dialectalismos de Ourense e moitas palabras inventadas polo propio Blanco Amor. O importante non é, por tanto, que identifiques con exactitude o significado de cada palabra por separado, senón que vaias entendendo o sentido global do enunciado. Tamén que captes os matices emocionais, sociolóxicos ou incluso humorísticos que xiran arredor desas "palabras raras", posto que con elas o autor intenta facer un retrato dese personaxe marxinal e marxinado, que nin sequera fala o que a sociedade ben-pensante cre que é o que se debe falar. Fíxate na relación que pode haber entre estes catro items: 

-O Cibrán non está casado legalmente, senón amigado cunha prostituta. 

-O Cibrán traballa construíndo unha estrada pero non ten un contrato legal de traballo. 

-O Cibrán ten unha doenza psíquico-física para a que non recibe un tratamento médico: automedícase inxerindo bebidas alcohólicas. 

-O Cibrán fala un idioma que non é o oficial-legal do Estado no que vive, e, ademais, non o fala coas palabras que os académicos consideran correctas. 

-Aparecerán ao longo da lectura moitos topónimos e antropónimos, entre estes últimos, moitos alcumes, algúns moi divertidos. Non te perdas no medio deles. Recoméndoche que no canto de marcapáxinas empregues unha tarxeta onde vaias anotando a lapis o nome do lugar onde transcorre a escena, o nome dos personaxes importantes cos que se encontran os protagonistas e o suceso moi resumido que acontece alí. 

-Fíxate nas referencias constantes ao tempo meteorolóxico e á descrición sensorial dos espazos (referencias á luz, son, cheiros...) porque teñen un simbolismo claro na novela. 

-A novela ambiéntase a fins do século XIX ou principios do XX nun lugar chamado Auria, que é o trasunto literario de Ourense na narrativa de EBA. Evidentemente os costumes non eran os mesmos cós de agora: había arrieiros en vez de empresas de mensaxería instantánea ou camioneiros, había xastres, fidalgos nos pazos, prostíbulos rexentados por "madamas"... 

2. DURANTE A LECTURA. 

Como actividade avaliadora individual vouche pedir que me entregues un DIARIO DE LECTURA. Consiste en que cada día anotes as páxinas que liches do libro e que indiques (non tes por que estenderte demasiado) as sensacións, lembranzas ou asociacións mentais que che transmitiron os sucesos desas páxinas. Pode ser que un suceso te leve á túa infancia e te poña alegre ou triste, que asocies un personaxe a unha película que viches recentemente, que veña á túa mente unha reflexión a raíz do que lle pasa a un personaxe... Podes incluír un debuxo, o título dunha canción, doutro libro ou película coa que relaciones ese fragmento se che parece oportuno. 

3. DESPOIS DA LECTURA. 

3.1. CUESTIONARIO DE COMPRENSIÓN INDIVIDUAL .- 

3.1.1. Enumera brevemente nun cadro resumo os actos delitivos que cometen os tres esmorgantes ao longo do libro por orde cronolóxica. 

MOMENTO NO QUE SE SITÚA ACTO DELITIVO QUE SE COMETE 

3.1.2. Sinala nun mapa de Google Maps da cidade de Ourense o percorrido dos tres esmorgantes. Pódeche axudar a Ruta turística da Esmorga da cidade de Ourense: 


Abres Google Maps en galego, vas á cidade de Ourense e vas poñendo o nome das rúas por onde pasaron os esmorgantes en "obter indicacións", "engadir destino". No mapa vaise sinalando cunha frecha o itinerario. Cando o teñas concluído, imprímelo 

3.1.3. O discurso narrativo artéllase arredor das respostas de Cibrán ante as preguntas ausentes do xuíz. Imaxina ti cales serían as cinco primeiras preguntas do xuíz tendo en conta as respostas do Cibrán. 

3.1.4. Selecciona cinco alcumes de entre os que aparecen na novela referidos a personaxes secundarios que máis che chamaron a atención. Indica cal é o papel dese personaxe no desenlace argumental da novela. 

3.1.5. Que lle sucedeu ao final aos tres protagonistas?

3.2. CUESTIONARIO ORAL PARA A POSTA EN COMÚN DA LECTURA DA NOVELA.

Entre todos nunha sesión  falaremos sobre como interpretamos e xulgamos o sucedido na novela. Podemos seguir este guión sobre o que reflexionarás brevemente na casa para poderes participar logo no debate.

3.2.1. A precariedade laboral é unha constante nos nosos tempos. Aparece tamén tratado este tema no libro? Sinala algunha realidade laboral actual que se poida relacionar co que sucede neste sentido na novela. 

3.2.2. A pesar dos golpes e insultos, o Bocas e o Milhomes eran inseparables. Como definirías ti a relación que hai entre eles? Argumenta a resposta. 

3.2.3. O tema da homosexualidade está presente na novela e xúlgase a través da visión do Cibrán. Cal é a súa visión sobre ela? Que relación ten este tema cos demais da novela? 

3.2.4. A que se pode referir o Cibrán cando fala de que é asediado polo "Pensamento"? 

3.2.5. A realidade sociolingüística de Galicia tamén está presente na novela. Exemplifícase dalgunha maneira a diglosia? 

3.2.6. O final da novela queda aberto a varias interpretacións. Como o interpretas ti?