jueves, 19 de diciembre de 2024

"Como escorrentar un lobo"

O novo libro no club de lectura de 6º é unha recomendación que nos fixeron dende a editorial Cuarto de inverno.

Ano 1944. Nunha Polonia ocupada polos nazis, Noncia rescata dúas crianzas xudeas do seu tráxico destino e agóchaas na súa casa. Para as axudar a combater o medo, relátalles unha incrible aventura que viviu na súa infancia, cando percorría os camiños acompañando o tabor xitano ao que pertencía. A historia trasládaos ao corazón do misterioso bosque de Białowieża, onde a familia de Noncia, tras extraviarse no medio dunha treboada, chega á vila secreta de Polana Wilków, o fogar dos Neuri. Alí coñecerá as distintas criaturas fantásticas que se agochan no bosque e aprenderá a mirar o medo cara a cara.

O seu autor, Antonio M. Fraga, xa o coñecemos na biblioteca pois lemos a novela de literatura fantástica "Querido H.P. Lovecraft" e posteriormente tivemos un encontro con el.

Esperemos que este novo libro nos emocione como o outro.