miércoles, 29 de mayo de 2013

O 31 de maio será a data para a cita anual dos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura que están a funcionar en 222 centros de ensino público de Galicia no presente curso. Será xa a VI Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar en sesións de mañá e tarde nas instalacións da EGAP (Escola Galega de Administración Pública). 
Ao longo da xornada haberá ocasión para o encontro e o intercambio de experiencias; tamén está prevista a participación de Gemma Lluch, especialista en Literatura Infantil e Xuvenil, membro do grupo de investigadores ERI Lectura, da Universitat de Valencia. haberá un espazo para falar da "lectura social", a tendencia actual de intercambio de experiencia lectora a través das redes sociais, coa presenza dun dos impulsores de Redelibros, a rede social galega do libro, Xosé R. Lois. Poñerá fin á xornada o escritor Marcos Calveiro, un autor moi valorado polos lectores e as lectoras e con múltiples recoñecementos pola súa obra dentro e fóra de Galicia.
A VI Xornada dos Clubs de Lectura é unha oportunidade para coñecer as múltiples actividades que están levando a cabo os grupos de lectura creados en centros educativos de Galicia, que van constituíndose pouco a pouco e grupos de dinamización da lectura nas súas comunidades educativas de referencia, establecendo vínculos con outros grupos de lectores e contribuíndo a unha maior presenza dos libros e da lectura na vida social galega. Os clubs de lectura son unha das fórmulas de fomento da lectura coa xente nova, e cos adultos (preto dun 30% dos centros implicados teñen tamén grupo de lectura de adultos) , que máis contribúe á consolidación deste hábito, e á adquisición de competencia lectora (entre outras), esencial para a formación persoal e directamente relacionada co éxito académico. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario