Esta é a nosa nova lectura.
“Querido
H.P. Lovecraft: Cando leas estas liñas eu non estarei xa no mundo dos vivos”
Así comeza a carta que Robert E. Howard lle envía ao seu amigo e mentor.
Nun delirante escrito, o fantasista texano narra o seu progresivo descenso cara
ao inferno da loucura e a desesperación, iniciado coa visita a unha antiga tumba
india no interior dunha cova.
A partir
dese fatídico día, Howard comeza a sentirse acosado polas sombras propias e
alleas, nunha desacougante mestura de soño e realidade.
Con Querido H.P. Lovecraft, Antonio Manuel Fraga gañou a primeira edición do Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, convocado pola Fundación Vicente Risco e Urco Editora, entre outras entidades, para a divulgación do xénero fantástico.
A idea de
Fraga é rechamante pola súa orixinalidade: trátase dunha novela epistolar, que
ten como vehículo a relación postal que Robert Ervin Howard -un dos máis
grandes autores da literatura pulp e pai de personaxes inmortais como Conan o
Bárbaro, Kull o Conquistador, Solomon Kane, Bran Mak Morn ou Red Sonya- mantiña con Howard Philip Lovecraft e outros
escritores como Clark Aston Smith e Edgar Hoffman Price, no que se coñeceu como
Círculo de Lovecraft.
Querido
H.P. Lovecraft é unha obra metaficcional, é dicir, fai pasar un texto espurio por
auténtico, neste caso retratando os últimos meses de vida de Howard en forma
dunha longa carta que éste envía ao seu amigo e mentor Lovecraft, facendo unha
labor biográfica pero narrada en primeira persoa.
A novela
consta de catro cartas: unha primeira carta real e orixinal, do pai de Howard
(o doutor Isaac M. Howard) a Lovecraft, na que lle notifica o suicidio do seu
fillo e lle informa da creación dunha biblioteca na súa memoria. Unha segunda
coa resposta de Lovecraft, na cal o de Providence laiase pola perda do seu amigo e
pupilo, e envía os seus cumprimentos ao pai. Unha terceira, a máis estensa e
que conforma o núcleo central da obra, de Howard a Lovecraft, e unha derradeira
novamente do doutor Howard a Lovecraft, que serve de epílogo.