lunes, 19 de marzo de 2018

Querido H.P.Lovecraft


Esta é a nosa nova lectura
“Querido H.P. Lovecraft: Cando leas estas liñas eu non estarei xa no mundo dos vivos”
Así comeza a carta que Robert E. Howard lle envía ao seu amigo e mentor. Nun delirante escrito, o fantasista texano narra o seu progresivo descenso cara ao inferno da loucura e a desesperación, iniciado coa visita a unha antiga tumba india no interior dunha cova.
A partir dese fatídico día, Howard comeza a sentirse acosado polas sombras propias e alleas, nunha desacougante mestura de soño e realidade.

                                 
     Con Querido H.P. LovecraftAntonio Manuel Fraga gañou a primeira edición do Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, convocado pola Fundación Vicente Risco e Urco Editora, entre outras entidades, para a divulgación do xénero fantástico. 

A idea de Fraga é rechamante pola súa orixinalidade: trátase dunha novela epistolar, que ten como vehículo a relación postal que Robert Ervin Howard -un dos máis grandes autores da literatura pulp e pai de personaxes inmortais como Conan o Bárbaro, Kull o Conquistador, Solomon Kane, Bran Mak Morn ou Red Sonya-  mantiña con Howard Philip Lovecraft e outros escritores como Clark Aston Smith e Edgar Hoffman Price, no que se coñeceu como Círculo de Lovecraft.

Querido H.P. Lovecraft é unha obra metaficcional, é dicir, fai pasar un texto espurio por auténtico, neste caso retratando os últimos meses de vida de Howard en forma dunha longa carta que éste envía ao seu amigo e mentor Lovecraft, facendo unha labor biográfica pero narrada en primeira persoa.

A novela consta de catro cartas: unha primeira carta real e orixinal, do pai de Howard (o doutor Isaac M. Howard) a Lovecraft, na que lle notifica o suicidio do seu fillo e lle informa da creación dunha biblioteca na súa memoria. Unha segunda coa resposta de Lovecraft, na cal  o de Providence laiase pola perda do seu amigo e pupilo, e envía os seus cumprimentos ao pai. Unha terceira, a máis estensa e que conforma o núcleo central da obra, de Howard a Lovecraft, e unha derradeira novamente do doutor Howard a Lovecraft, que serve de epílogo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario