jueves, 23 de enero de 2020

Be water

Imaxinades un día no que a auga sexa un ben escaso e teñamos que pagar polo seu uso? Sobre esta utopía non tan afastada reflexiona Antía Yáñez no seu libro Be Water, co que resultou finalista do I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil 




















 “Cada mañá, as Autoridades da Colmea entregaban aos obreiros do seu sector as cantidades correspondentes de auga como paga polo traballo do día anterior, antes de iniciar a nova xornada laboral. Os aquaestáticos podían conter tanto líquido coma o dono fose quen de aforrar; as paredes adaptábanse a calquera volume, pero case ninguén conseguía chegar ao día seguinte con algo de auga no seu. O prezado líquido non se empregaba só para beber, senón que cada individuo debía administralo e reservar o necesario para o aseo diario e as tarefas domésticas. Por fortuna, había xa máis de medio século que os retretes e as lavanderías funcionaban en seco. Tamén se usaba para efectuar pagos, xa que na Colmea non había billetes nin moedas: o máis prezado que tiñan era a auga”.

O libro sitúase no ano 2483, nun tempo posterior ao Gran Cataclismo, cando a auga xa non é excesiva e a cidadanía a utiliza coma un ben escaso, chegando a compararse co que hoxe é o diñeiro. Nesa época tan cruel sobrevive Iolanda, unha adolescente que ten unha filla que coidar e pola que debe facer moitos sacrificios diarios. Por iso, ante a aparición dun estraño cadáver, ela verase obrigada a tomar certas decisións que afectarán á súa vida e a levarán a cuestionar o sentido do seu pasado e do que vai ser o futuro.

Un libro moi acaído para os tempos que corren. Lonxe do que poidamos pensar, a auga xa é case un ben escaso e cómpre que nos mobilicemos e actuemos para, a través das accións máis cotiás, minimizar os efectos adversos sobre o medio ambiente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario